Monday 29 de April de 2024

Cariño abre o prazo para a convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro do ano 2020


Poderán presentarse as solicitudes ata o 7 de decembro.

O Concello de Cariño abrirá mañá o prazo para enviar as solicitudes á súa convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro do municipio. Unha liña de axudas dotada con 18.000 euros de orzamento que ten como obxectivo fomentar a participación cidadá nas distintas actividades de carácter educativo, deportivo, cultural e outras de utilidade pública.
O goberno local convoca esta subvención, en réxime de concorrencia competitiva, acreditando como gastos subvencionables os gastos correntes derivados da adquisición de bens e servizos e excluíndo os derivados de investimentos ou restantes de capital. A axuda máxima será de 1.500 euros e en ningún caso o importe da subvención poderá superar o 80% dos gastos.
O prazo para formalizar as solicitudes estará aberto ata o próximo 7 de decembro e deberá presentarse exclusivamente a través da Sede electrónica do Concello de Cariño. Poderán solicitar a subvención as asociacións e entidades sen fin de lucro que estean rexistradas no Rexistro Municipal de Asociacións ou que teñan feita a solicitude para a súa inclusión.
Doutra banda, o goberno local resolveu semanas atrás a convocatoria de axudas para este fin correspondente ao ano 2019, que tivo que atrasarse ata tal punto debido á suspensión dos prazos motivada pola declaración do Estado de Alarma.